ALLÔ CHERY
Acostumábamos a facer cabanas con tablas ou troncos e por riba poñerlle un plástico como aillamento para a choiva. Vilachán era unha aldea, moi arrimadiña o pobo, pero era unha aldea. De casas con eiras e cans que soltaban un oubeo cando chegaba alguén. Con leiras e xentes que as traballaban. Sempre había un curruncho no que construir unha cabana.
A cabana da que vos quero falar chámanlle tenda. É de cor laranxa. De nylon moi resistente capaz de soportar unha columna de auga de dez mil milímetros e ventos casi furacanados, lixeira e fácil de transportar. Está instalada nun lugar fantástico, así o descubrimos na metade da noite e sobre todo o mencer. Agora non podemos ver esa beleza porque andamos metidos de cheo nunha nube que non para de soltar falorpas de neve. Na primeira parte da escalada falamos con dous alpinistas que descendían. Non poideron facer cumio porque a tan só trescentos metros, no Grand Plateau, o vento e o temporal de neve convertían as arestas nun auténtico suicidio. Fai mal tempo. Estamos preto dos tres mil metros de altitude, nun abra coñecida como Dome du Goûter, sobre o glaciar Bionnasay, nos Alpes, escalando o Mont Blanc.
Son as seis da tarde. Vai frío, -16º. O refuxio está a tope, estase mellor ó abeiro pero xa viñamos ca idea de durmir sobre a neve, así que buscamos un sitio que adaptamos cós piolets porque entre o noso material non había unha pala de montaña. Son palas moi cadradas e amplas para mover a neve e moi lixeiras, como case todo o material utilizado no alpinismo pero claro, todo en conxunto metido nunha mochila, soe pesar ó redor dos vintetrés kilos. Vai frío, insisto, as caras están xeladas, doen as mans porque por aquelo de apurar o choio traballamos sen guantes. Si vas a estar por riba dos 4.500 metros a concentración de osíxeno no aire redúcese nun 50% facéndose fundamental a hidratación. Derreter neve no infiernillo é un proceso lento, moi lento cando ansías beber e meter algo quente no corpo. Temos fame, comemos algo e bebemos auga que mercamos no refuxio a un prezo de cinco euros a botella. Agora o que máis nos apetece é meternos no saco para entrar en calor axiña…
A idea de escalar o Mont Blanc foi anterior a expedición a Perú. Por momentos na miña vida aborrecín as montañas, entroume a desgana no corpo producto das relacións humanas e hoxe en día aparezo neste escenario moi puntualmente, motivado tamén por causas varias e de obriga. A chamada polo valeiro, pola aventura, corre co sangue polas veas e as veces un espíritu inquedo, máis tarde ou máis cedo, fai que dende o corazón se impulse esa necesidade de que uns pretendamos rozar os límites, chegando outros a tocalos ou incluso a caer neles.