top of page

TANI

TANI__A esencia dun pobo pasa pola súa x

A esencia dun pobo pasa pola súa xente, por quenes deixan algunha pegada. As novas xeracións que nos van facendo vellas a outras quizáis descoñezan nomes da noite nicrariense como Abril, Tersipcore, Charada que logo derivou en Olimpus e que, con certeza, lles soará alomenos as súas letras porque aínda poden distinguirse entre o pó soldado a un letreiro daqueles de neón na Rúa do Carmen.

Dentro deses locais alí aparecía ela, alegre, xuvenil aínda que a idade estivese por diante. Era parte da alma da noite, era un bico obrigado porque era de esas persoas que desprendía empatía e vitalidade. E tamén era parte das horas diurnas como un pedazo de sol no seu ultramarinos.

Tani era tan pequena como grande era o seu interior e podo asegurar en primeira persoa que máis grande era o seu corazón.
 

Negreira ten unha foto inesquecible, unha foto que cadra con estas datas. Unha foto que representa todos os Entroidos e que eu vin en máis dunha ocasión. Hai parellas de feito ou feitizo e Tani era a metade carnavaleira doutro ilustre como Caamaño. Eran ese dúo disfrazados de andaluces na terra dos sons celtas. Tani e Caamaño eran dúas alturas tan dispares como o sentido do humor existía dentro deles.

 

"Tani era tan pequena como grande era o seu interior

e podo asegurar en primeira persoa que máis grande era o seu corazón" 
 

 

Hoxe non teño esa foto que merece unha homenaxe porque un pobo non debe esquecer a quen dalgún xeito e, sen grandes méritos, lle dou algo como ela e outros tantos que xa marcharon. Son as personaxes as que deixan un legado tan importante como os recordos. Os demáis somos transeúntes.

Neste día que escribo, desde un avión tiven o ceo moi preto para admiralo como fago sempre en cada viaxe, pero tamén para imaxinarte correteando por el e lembrarme daquel día que pouco antes de marchar para aquela mili en Xullo de 1990, viñeches case con bágoas nos ollos, a regalarme un pequeno moucho para que me dera sorte mentres me pedías que non me pasara nada.

Nun día de tristura, préstoche as súas ás para que voes nun mércores de cinza. Destino. 


Un bico Tani.

TANI cupletista.jpg
bottom of page